Ponte...nas Ondas! Premios Nacionais Cultura Galega

22
PONTE...NAS ONDAS! E O PATRIMONIO CULTURAL GALEGO-PORTUGUÊS

Transcript of Ponte...nas Ondas! Premios Nacionais Cultura Galega

PONTE...NAS ONDAS!

E O

PATRIMONIO

CULTURAL

GALEGO-PORTUGUÊS

Ponte...nas ondas! é unha experiencia pedagóxica que desde a súa orixe fomenta a

radio interescolar como medio de comunicación entre centros educativos galegos e

portugueses, co obxectivo de buscar elementos culturais transfronteirizos, e procurar “pontes”

que eliminasen as barreiras de comunicación que se construiron con estas fronteiras, tanto

entre pobos veciños da raia galego-portuguesa, como entre pobos mais lonxanos, portadores de

elementos culturais e lingüísticos semellantes.

A radio, como soporte de comunicación, continua a ser o recurso educativo nuclear do

proxecto, aínda que complementada coas tecnoloxías máis modernas ( Internet,

videoconferencias, SMS, etc.) para contribur ao logro dos obxectivos educativos formulados.

É, polo tanto, unha experiencia que tenta superar a fronteira establecida polos Estados-

Nación e que conseguiu poñer en valor esta situación estratéxica de iniciativa transfronteiriza.

Pero ademais, foi evolucionando na abordaxe da identidade galego-portuguesa desde unha

perspectiva novedosa como foi a de incorporar os sinais máis significativos desta identidade cun

tratamento pedagóxico actualizado e transmitilos ás novas xeracións.

Por outra parte, contribúe a superar a “fenda dixital”, facendo das novas tecnoloxías

non un fin en si mesmo, senón integrándoas no proceso educativo de xeito natural para

fomentar a interactuación do alumnado. Ademais, intégranse tamén no proxecto a outras

institucións educativas e mesmo a colectivos sociais do mundo cultural ou da empresa privada.

Ponte...nas ondas! vén abordando con rigor, desde a súa orixe en 1995, diversos

ámbitos da cultura galego-portuguesa cun traballo activo coas novas tecnoloxías e atinxindo a

outros aspectos da renovación pedagóxica, a miúdo esquecidos nas prácticas educativas, como

son a conexión co entorno, a implicación nos procesos educativos doutras persoas e colectivos

alleos á escola, o traballo en equipo do profesorado galego e portugués, a procura da

complicidade das radios locais ou nacionais, os axentes culturais, as persoas maiores, os

Concellos, as administracións, etc.

Por estas razóns, Ponte...nas ondas! contribúe a conformación dunha nova identidade

galego-portuguesa que as novas xeracións están a descubrir xa desde o ámbito educativo, coa

axuda das TIC ( Tecnoloxías da Información e Comunicación ) e tamén con iniciativas culturais

que desde a experiencia de Ponte...nas ondas! se están a desenvolver.

O CAMIÑO ANDADO1º. AS ORIXES

Ponte...nas ondas! é unha Asociación Cultural e Pedagóxica que naceu no ano 1995 para

introducir no ensino o mundo das novas tecnoloxías e dos medios de comunicación tendo como

obxectivo primordial fomentar a comunicación entre Galiza, Portugal e os países deste ámbito

cultural.

Partindo da existencia en moitos centros educativos de obradoiros de Radio Escolar e

co gallo da inauguración da ponte que sobre o Río Miño estaba a piques de inaugurarse unindo as

poboacións de Salvaterra e Monçao, un grupo de profesores e profesoras de ámbalas dúas

marxes idearon facer coincidir coa inauguración da infraestructura terrestre outra “ponte”

inmaterial, que dándolle o protagonismo aos alumnos e alumnas, unise tamén as dúas beiras do

río. Nacía así a primeira Xornada “Experimental” de Radio Interescolar Ponte...nas ondas!

que, como é obvio, xogaba coa polisemia da palabra ponte.

Para levar a cabo este “experimento” contouse coas instalacións da radio comercial

“Ecos da Raia” de Monçao, quen cedeu a súa grella de emisión desinteresadamente durante toda

a xornada, e coa emisora escolar que se montou na Casa da Cultura de Salvaterra de Miño, cos

medios domésticos dos que dispuñan as escolas. Colaborou tamén dende o primeiro momento a

Compañía Telefónica de España, que fixo posíbel a realización técnica da experiencia durante

sucesivas edicións.

Así comezou a aventura. 12 horas durou a primeira emisión na que desde os dous

estudios de Salvaterra e de Monçao foron emitíndose os programas elaborados nas 15 escolas

e institutos que participaron nesta primeira edición.

Durante todo o día, liñas de teléfono atendidas por alumnado nos dous estudios, a

maiores dos programas radiofónicos emitidos en directo, recolleron máis de cincocentas

chamadas respondendo á pregunta: Que vas facer ti para mellorar as relacións entre os dous

pobos?

O éxito acadado na primeira edición obrigou a seguir adiante e a repetir a experiencia

no ano seguinte contando coa incorporación de máis escolas e institutos doutras bisbarras da

Galiza e outros concellos de Portugal.

Dada a importancia que cada ano foi adquirindo a experiencia, decídese ampliala para

que non fose só unha única xornada anual de Radio Interescolar, senón que tivese proxección no

curriculum escolar e unha maior presenza nos centros educativos. A partires do ano 1997

proponse que cada nova edición se dedique a estudar e a divulgar un dos concellos do entorno

no outro lado da fronteira. Así, no ano 97 divulgouse o Concello de Salvaterra de Miño, no 1998

estudouse Monçao, no ano 1999 foi para estudar Arbo e Melgaço, co gallo da inauguración da

nova ponte entre as dúas localidades e no ano 2000 foron Tui e Valença do Miño. A organización

suministraba ampla información sobre o Concello a estudar e con ela, en cada centro educativo

abordábase o seu tratamento pedagóxico (gastronomía, literatura, rotas turísticas, xeografía

etc. ) para desenvolver na programación cos alumnos e alumnas.

Ponte...nas ondas! comezaba, deste xeito, un proxecto pedagóxico intercultural, cando

este concepto aínda non estaba moi introducido na nosa literatura pedagóxica e menos aínda na

práctica escolar. Respondía educativamente ao conflito da incomunicación histórica entre pobos

fronteirizos, provocada polo modelo de Estado-nación, o cal, en realidades políticas autoritarias

–como foran o Portugal de Salazar e a España de Franco – incrementa as súas connotacións

patrióticas e o distanciamiento con respecto a outros pobos e culturas. Realidades políticas que,

a súa vez, reprimían as manifestacións interiores de diversidade cultural e lingüística.

Nun contexto democrático non só procede eliminar as barreiras que impiden ou limitan

esa comunicación, senon tamén é conveniente a realización de accións favorecedoras dunha

maior cooperación e intercambio entre esos pobos limítrofes. A idea de comunicalos mediante

unha ponte sobre o río, inspirou estoutra idea dunha “ponte nas ondas” que permitise esoutra

comunicación cultural e educativa. Entre os obxectivos iniciais sinalábanse: fomentar as

relacións entre grupos de alumnos dun lado e outro, intercambiar experiencias entre alumnado

de entrambas marxes, realización conxunta de programas de radio, contribuír a vencer

estereotipos e clixés sobre ambos pobos, fomentar o ensino multicultural, contribuír ao

acercamento entre culturas próximas, etc.

Non só estamos ante a posta en marcha dunha experiencia de educación intercultural,

senón que incluso se vai constatando empiricamente que estas culturas, a pesares de

desenvolverse en contextos políticos diferentes, teñen moitos elementos comúns: poboacións

rurais, con modos de vida semellantes, medio natural común, lingua común e patrimonio cultural

inmaterial con moitos elementos compartidos. Este patrimonio cultural común abórdase a partir

da oitava edición, en 2002.

2º. AS NOVAS TECNOLOXÍAS E A EXPANSIÓN

A edición do ano 1998 marcou un punto de inflexión na experiencia conferíndolle unha

nova dimensión. Conscientes das limitacións físicas da transmisión radiofónica terrestre que

impedían a proxección mais alá do radio de cobertura das emisoras locais, decidiuse a

retransmisión da programación a través de Internet, feito que permitía abrir a experiencia, a

todo o mundo!

E así lanzouse a proposta a través da Web e a compañía Telefónica encargouse de

realizar a transmisión do sinal de radio por Internet. Ponte...nas ondas! chegaba naquel ano a

escolas de Cáceres, de Braga, de Sarria e mesmo á cidade de Pontevedra.

Este feito abriu grandes posibilidades de contacto con novos lugares e a través do

correo electrónico establecéronse novos contactos con outras partes do mundo.

En 1998 abriuse outra faceta que sería moi importante nas próximas edicións: o

contacto con prestixiosos xornalistas radiofónicos. Nese mesmo ano, a xornalista líder de

audiencia da radio española realiza unha conexión en directo desde o seu programa “La Radio de

Julia” co estudio escolar da casa da Cultura de Salvaterra. A conexión con Ponte...nas ondas!

escoitouse a través da emisión de Onda Cero en todo o Estado Español e constitui un grande

recoñecemento a todo o labor realizado e un importante acicate para o alumnado.

A V edición de PONTE...NAS ONDAS!-99 consolidou esta difusión coa ampliación da

experiencia a 40 centros educativos, abrindo a participación a Centros de Portugal, Francia,

Suecia, Holanda, Italia ou Brasil a través de Internet. Isto foi posíbel grazas á colaboración de

Telefónica e Telefónica-Data, quen se encargaron de realizar a emisión das 12 horas de radio na

rede. Ademais, incorporouse un novo estudio radiofónico, o da radio Inês Negra de Melgaço,

formando deste xeito o triángulo radiofónico desde o que se realizaron as 12 horas de emisión o

21 de maio de 1999.

Tamén Julia Otero brinda a súa imaxe corporativa para a publicidade e anuncia con

antelación a súa conexión en directo dende o seu programa "La radio de Julia", que levou de novo

a todo o Estado ( unha vez máis ) o latido do "triángulo das ondas" .

A VI edición de PONTE...NAS ONDAS!-2000 deu entrada a outra nova faceta na

experiencia: a colaboración de artistas coa programación radiofónica. Así, a colaboración de UXÍA

de Galiza e JOAO AFONSO de Portugal concrétase na gravación dun tema conxunto para ser

estreado en exclusiva durante a programación. “O cantar galego” de Zeca Afonso é o tema

escollido para comezar coas colaboracións artísticas galego-portuguesas.

Tamén se dá continuidade á colaboración de pretixiosos xornalistas radiofónicos como IÑAKI

GABILONDO da Cadena SER e de DIAMANTINO JOSÉ da ANTENA 1 de Portugal, quen

fixeron conexións en directo desde os seus programas realizados desde Madrid e Lisboa,

respectivamente (ambos programas líderes de audiencia ).

Outro avance importante neste ano 2000 foi a incorporación dun cuarto estudio de radio, a Radio

Municipal de Tui e a incorporación de máis centros educativos do Val Miñor e de Vigo.

Pero tal vez a novidade máis importante foi a participación dun colexio de Rio de Janeiro a través

de Internet, o colexio Pedro II de Rio de Janeiro ( 11.000 alumnos/as, 1.500 profesores ).

Participación que espertou tanto interese que incluso levou a que un profesor e un alumno se

desprazasen a Galiza para coñecer “in situ” a experiencia.

O ano 1999 e o 2000 consolidáronse como dous anos de gran crecemento da experiencia,

non só no aspecto numérico de escolas participantes que non deixaba de medrar ano a ano,

senon tamén no aspecto técnico coa entrada de máis estudios de radio.

Ponte...nas ondas! conformábase como unha experiencia multidisciplinar e con liñas de

acción novidosas e, sobre todo, abertas á participación dos máis novos.

Tamén a experiencia atraeu a sobranceiros personaxes da música e da cultura que

ademais de loubar o traballo animaban a continualo, participando na programación e

colaborando con todo tipo de actividades. Ao longo dos anos poderíamos citar artistas como

Mercedes Peón, Dulce Pontes, Caetano Veloso, Chico Cesar, Filipa Pais, Milladoiro, Manu Chao,

Pinto D´Herbón, Fausto, Daniela Mercury, Fuxan os Ventos, Gaiteiros de Lisboa, Treixadura,

Xistra de Coruxo, Cabaquiños de Lovelhe, Amélia Muge, Fran Pérez, Timbila Muzimba, etc.

3º. AFONDANDO NA INTERCULTURALIDADE E NA

TRADICIÓN

A experiencia dá na VII edición de 2001 un salto cualitativo importante: conscientes de

que o modelo de adicar cada edición a unha localidade fronteiriza era limitado e mesmo

demasiado localista, dáse entrada á participación da rede das Escolas Asociadas da UNESCO e

proponse como tema de traballo, para ese curso escolar, un proxecto educativo da UNESCO: “A

Rota do Escravo”. A proposta permitiu abordar a escravitude en todas as súas formas, dende o

punto de vista histórico e dende o punto de vista actual, realizándose traballos de moi fondo

calado e moita importancia para a actividade. A “Rota do Escravo” reafirmou unha estrutura

triangular entre centros educativos de Europa, América e África e axudou a construír o futuro

perfil da experiencia de comunicación na que se reforzará esta perspectiva transatlántica.

Proba disto foi a videoconferencia realizada nesta edición entre os estudios de Salvaterra de

Miño, o colégio Arco Iris de Maputo e o colégio Pedro II de Rio de Janeiro. Comenzou tamén

neste ano a colaboración de Ponte...nas ondas! coa Radio Galega, despois dunha etapa de

“esquecemento” premeditado por parte desta radio pública.

No ano 2001 a UNESCO falla as primeiras Obras Mestras do Patrimonio Oral e

Inmaterial e o eco destas proclamacións chega ao entorno de Ponte...nas ondas! que decide

dedicar a VIII edición do ano 2002 ao Patrimonio Oral e Inmaterial.

A experiencia de edicións anteriores puxo en evidencia no ámbito educativo a existencia

dunha cultura común entre Galiza e Portugal, a pervivencia dun sustrato cultural aínda vivo

entre amabas comunidades e con múltiples expresións.

Desta praxe naceu a proposta de abordar nesta edición o patrimonio oral e inmaterial galego-

portugués nos centros educativos participantes e expoñer os traballos na VIII Xornada de

Radio Interescolar. A proposta tivo unha grande difusión en todas as escolas participantes,

escollendo cada unha un apartado específico deste patrimonio.

Nese ano realizáronse nas escolas exposicións, murais, recolleitas de adiviñas, xogos

tradicionais, receitas de menciña tradicional.... e un amplo abano de actividades impulsadas a

partir desta iniciativa.

Na dinámica de todo este traballo, a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas!

toma a decisión de iniciar a partir deste mesmo ano os trámites para presentar diante da

UNESCO a Candidatura de Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués, para que este organismo

declarase este patrimonio cultural común como Obra Mestra da Humanidade. A complexidade

da tarefa fixo que se establecese o horizonte da terceira proclamación, prevista para o 2005,

como marco dos traballos.

A edición do 2002 rexistrou a incorporación á programación da Emisora Educativa ECCA

de Vigo o que nos permitiu alongar o “espacio aéreo” e chegar até esa importante cidade

aumentando así o radio de cobertura e a audiencia potencial.

Iníciase tamén a rede de escolas, asociacións, concellos e entidades promotoras da

Candidatura. Todos estes apoios vanse incorporando á redacción do dosier que se remitirá á

UNESCO.

Dende este ano 2002, e para reforzar o traballo arredor do patrimonio immaterial, comézase

unha nova faceta: a realización de actividades de dinamización cultural sobre este patrimonio.

Nace así a Mostra da Oralidade Galego-Portuguesa, evento pensado para mostrar e dar a

coñecer o patrimonio inmaterial galego-portugués. A 1ª Mostra da Oralidade Galego-

Portuguesa celebrouse no teatro Caixanova de Vigo o 13 de abril de 2002 e contou cos máis

importantes artistas e músicos de Galiza e de Portugal.

Artistas participantes:

Grupo de Concertinas do Alto Miño, Malvela, Grupo Río, Os cavaquinhos de Lovelhe, Xistra de

Coruxo, Uxía Senlle, Susana Seivane, Guadi Galego, Uxía Pedreira, Mercedes Peón, Paula

Carballeira, Mini e Mero, Pancho Álvarez, Augusto Canario, Luis Caruncho, Pinto D´Herbón,

Alberto Mbundi.

No ano 2003 continuose traballando co patrimonio común. Foi o curso lectivo onde se

produciu o afundimento do petroleiro Prestige nas costas galegas. O mar entra nas aulas e na

sociedade en forma de catástrofe. Ponte...nas ondas! non podía permanecer allea, e así, para

continuar co noso traballo arredor do patrimonio inmaterial, decidimos centrar o traballo nesta

edición na cultura marítima galego-portuguesa.

Da man da Federación Galega pola Cultura Marítima convocamos unha xeira de

conferencias e exposicións nas que expertos das dúas beiras do Miño informaron e ilustraron

sobre toda esta temática ao profesorado que levou ás aulas a semente do que sería a

programación da IX edición.

A riqueza e variedade dos traballos que se fixeron deixa translucir a importancia e o

interese que existía sobre o tema, como o mostran, algúns dos títulos dos programas: Unha

escola no fondo do mar, O mar non está lonxe, Pesca en Ponte...nas ondas!, Contamos co mar...

Pero outro feito importante ocorreu neste ano 2003: a incorporación da Universidade á

experiencia, que até o momento se sostiña coa participación de escolas de infantil, primaria e

secundaria. Pechábase así o círculo do ensino e Ponte...nas ondas! convertíase nunha expereincia

tranversal a todo o sistema educativo.

Alumnado dos dos Campus de Ourense e Pontevedra da Universidade encargáronse de

por en pé toda a programación nocturna de Ponte...nas ondas!, dende as cero horas até as 10

da mañá do día seguinte. Non só se pechaba o círculo das etapas educativas senón que tamén

pechabamos a primeira programación de 24 de horas de emisión en directo integramente

realizadas por xoves desde 3 anos até os 24 anos.

Dáselle continuidade á realización da II Mostra da Oralidade Galego-Portuguesa que

se celebrou o 9 de maio de 2003 no Pavillón do Berbés en Vigo baixo o lema “Mar da

Oralidade”. Presentado por Xurxo Souto, participan: Quempallou, Retrincos, Lugnasad, Puta

Miseria (Galiza), Na Virada (Galiza-Brasil), Ronda (Portugal), Batuko Tabanka (Cabo Verde),

Renato Spencer (Brasil), Alberto Mbundi(Angola).

Ponte...nas ondas! tivo sempre unha connotación de interculturalidade, aproximando

aos pobos galego e portugués, lindantes xeograficamente, mais distantes en interaccións e

intercambios. Con esta nova dimensión da experiencia, o interculturalismo pasa a ser un

principio fundamental, tal como o conciben diversos autores, agora que xa é obxecto de moitas

análises e experiencias educativas. Compartimos o concepto que defende Sales i Ciges,

(1998:274): “interacción dialógica entre culturas, en un clima democrático que defiende el

derecho a la diversidad en el marco de la igualdad de oportunidades, flexibilizando los modelos

culturales que se transmiten en la escuela”.

Ponte...nas ondas! foise aproximando a esta concepción de educación intercultural. En

primeiro lugar, ampliando o número de países participantes, que a través de Internet, ou de

conexións telefónicas, realizan a súa programación radiofónica co mesmo obxectivo xeral de

comunicar pobos e culturas (nas últimas edicións, países de África e América). Ao redor do

tema que protagonizou as edicións oitava e novena, recomendábase especialmente aos

participantes mostrar elementos do patrimonio inmaterial dos diferentes países de expresión

galego-portuguesa (Galiza, Portugal, Brasil, Cabo Verde, Guiné-Bissau Angola, Mozambique e

outros nos que a emigración galega ou portuguesa tivese colectivos importantes, como é o caso

de Arxentina. País que se incorporou tamén na novena edición de Ponte...nas ondas!, divulgando

a experiencia a través de 150 emisoras agrupadas na Asociación Internacional de Radios

Escolares (AIRE).

E, en segundo lugar, respondendo, cada vez máis, ao concepto elaborado a partires dos

traballos de Aguado Odina (1996) e os de Sales i Ciges (1998), e outros que se poden agrupar no

mesmo paradigma sociocrítico: educación, dirixida a toda a poboación, non pensada

específicamente para os grupos de culturas minoritarias ou colectivos inmigrantes en situación

de conflito social, desde o convencemento de que a formación dunha conciencia intercultural é

unha cuestión de educación social da cidadanía no seu conxunto e non só daquelas persoas ou

grupos que padecen en maior medida a inexistencia deste tipo de educación. Trátase dunha

educación orientada á transformación social.

Esta última idea ten a súa máxima expresión na edición de 2003, ao ter como tema

monográfico a cultura inmaterial relacionada co mar. Os máis de cincuenta programas

elaborados abordaron a tradición oral relacionada co mar, pero non puido obviarse o presente

dos pobos mariñeiros, teñido por unha ampla marea negra, non só de tipo físico senon tamén de

tintes político-sociais. Tampouco foi allea á creatividade infantil o fenómeno migratorio de

galegos e portugueses que embarcaron sen rumbo fixo desde os distintos portos de mar, como

polo numeroso colectivo de inmigrantes que chegan de manera legal ou ilegal ás nosas costas. O

expoñente máis visíbel da experiencia intercultural, vivida en Ponte...nas ondas! deste ano, foi a

participación, no festival Mar da Oralidade, de Batuko Tabanka, un grupo de música popular

composto por un colectivo de caboverdianas residentes na localidade luguesa de Burela. O seu

nivel de integración na sociedade galega reflíctese na súa participación nas eleccións, formando

parte incluso de algunha candidatura ao Concello.

4º. UNHA DÉCADA E PRIMEIROS RECOÑECEMENTOS

A X edición de 2004 foi unha edición especialmente importante. Este ano producíronse

varios feitos trascendentais para a experiencia: continuáronse cos traballos de promoción da

Candidatura de Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués á UNESCO, realizouse a exposición “10

anos unidos nas ondas ” e obtívose un recoñecemento europeo.

No tocante á Candidatura, consíguese un logro histórico: a presentación do dossier da

Candidatura de Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués, baixo o título de “As tradicións

orais galego-portuguesas,“ na sede da UNESCO en París o 31 de setembro de 2004, por parte

de representantes de Ponte...nas ondas!, xunto con responsábeis dos gobernos español e

portugués. A primeira Candidatura de Patrimonio Inmaterial promovida por centros educativos

de dous países. Este acto constituiu unha importante meta alcanzada por parte dunha modesta

Asociación Cultural e Pedagóxica que conseguiu que dous Estados apoiasen unha iniciativa nacida

no ámbito educativo e que levaba o apoio da sociedade civil non só de Galiza e Portugal senón

tamén doutros ámbitos onde este patrimonio está presente. Ao mesmo tempo, cumpríanse

tamén os vellos soños dos galeguistas e intelectuais portugueses de achegamento cultural e

entre Galiza e Portugal e de promoción da cultura común galego-portuguesa. Marcábase un fito

nas relacións entre os pobos galego e portugués .

O EBLUL (European Bureau For Lesser Used Languages), organismo consultivo da Unión Europea

e da UNESCO que se encarga de estudar e defender as linguas minoritarias, convidou a

Ponte...nas ondas! a presentar a experiencia na asemblea do ano 2004, que tivo lugar en

Flesbourg (Alemaña). No Plenario do EBLUL, acordouse, por unanimidade, que a actividade

realizada era merecedora do maior recoñecemento, como experiencia innovadora que axuda á

consolidación e desenvolvemento dunha lingua minoritaria e recoñeceu a experiencia como

“modelo de boas prácticas”.

Outra actividade importante realizada neste ano 2004 foi a exposición conmemorativa

dos dez anos de Ponte...nas ondas! Lonxe quedaba aquel 29 de marzo de 1995 ano no que se

poñía en marcha a I Xornada “Experimental” de Radio Interescolar. Realizouse unha exposición

retrospectiva con todos os materiais do arquivo para ter unha visión da evolución da

experiencia. O resultado final foi unha exposición multimedia que mostrou o que foi o espíritu e

a praxe de Ponte...nas ondas!

A exposición “ 10 anos unidos nas ondas ” inaugurouse o día 4 de maio no Museo Verbum de

Vigo e estivo itinerando por diversas localidades de Galiza e Portugal e finalizou a súa andaina

no Congreso “A fenda dixital ” sobre novas tecnoloxías e educación celebrado en Silleda no ano

2005.

Con motivo deste décimo aniversario, e a través da participación en Ponte...nas ondas! do

artista brasileiro Chico César, que estaba a levar a cabo un interesante labor social no Paraiba

coa creación dun Instituto Cultural chamado Casa do Béradêro, onde rapaces e rapazas con

poucos recursos aprendían música, un grupo de 18 alumnos e alumnas, un profesor e unha

profesora, foron convidados a compartir experiencias con xoves galegos e portugueses. Era a

Orquestra “Gente que Encanta” do Instituto Béradêro. Nas súas actuacións achegaron mostras

da presenza da cultura galego-portuguesa no Brasil.

Despois desta visita, iniciáronse contactos para establecer un programa de cooperación tanto

co Instituto Beradero como co Proxecto de integración social Amatreco de Río de Janeiro con

quen tamén se estableceron contactos de colaboración.

Realizouse a terceira Mostra da Oralidade Galego-Portuguesa no Teatro Principal de

Pontevedra, que alcanzou a súa terceira edición, o día 9 de maio de 2004 baixo o lema “Do

Miño...Minhoteiro!”

As colaboracións con músicos e artistas sempre foron fluídas e tiveron neste 10º

aniversario unha excelente mostra co tema musical e o videoclip que gravaron o grupo

Treixadura de Galiza e os Gaiteiros de Lisboa de Portugal. Unha melodía do patrimonio común

foi a escollida: “A chula da Póvoa” en Portugal ou a “Nosa Señora da Guía” na Galiza foi gravada

en exclusiva e serviu para mostrar ás novas xeracións que o patrimonio común segue a manter a

identidade galego-portuguesa.

No ano 2005 a XI edición de Ponte...nas ondas! estivo marcada pola presentación da

Candidatura de Patrimonio Inmaterial diante da UNESCO e por ser o ano da súa posíbel

proclamación. Os traballos adicionais, o desenvolvemento do labor nos centros educativos e a

preparación da XI Xornada de Radio Interescolar que tivo lugar o día 6 de maio constituiu un

esforzo considerábel para a Asociación.

Realizáronse, a petición da UNESCO, durante este curso escolar diversos traballos de

revisión e ampliación de documentación para o dosier da Candidatura e mantivéronse multitude

de contactos e traballos de divulgación.

Realizouse a elaboración dunha revista divulgativa da Candidatura que permitiu a

difusión masiva dos obxectivos e os contidos da Candidatura en Galiza e en Portugal.

Neste curso presentouse tamén a páxina Web da Candidatura, www.opatrimonio.org para

divulgar a través da rede a iniciativa. Ao mesmo tempo fixéronse roldas de presentación da

Candidatura en centros de ensino, concellos, institucións así como asociacións de todo tipo,

ofertando a posibilidade de constituirse en entidades promotoras ás institucións e asociacións

que así o desexaran.

As actividades propias da XI edición de Ponte...nas ondas! comenzaron os días 29 e 30

de abril coa celebración da IV Mostra da Oralidade Galego-Portuguesa que tivo lugar en

Paredes de Coura. A Mostra foi concebida como unhas xornadas completas de apoio á

Candidatura. Ao longo dos dous días desenvolvéronse xogos tradicionais infantís, demostración

de construcións de maios galegos e de maias portuguesas, diversas exposicións e conferencias,

proxeccións de películas e un serán tradicional.

O día 6 de maio realizouse a XI Xornada de Radio Interescolar Ponte...nas ondas!.

Alumnado de 52 escolas, institutos e universidades galegas, portuguesas, cubanas e brasileiras

participaron realizando os seus programas. Unha programación de 24 horas realizada desde

nove estudios de radio e desde a Radio Galega.

A formulación da actividade foi a mesma de anos anteriores. Cada escola, instituto ou

facultade da Universidade escolleron, ao principio do curso, o tema que desexaron traballar,

relacionado con algún aspecto do Patrimonio Oral e Immaterial, simbolizado nunha árbore de

cinco pólas que representaron os ámbitos recollidos na Candidatura.

Así, estudáronse e elaboráronse materiais sobre os curros, as cantigas tradicionais, o entroido,

os oficios, os contos, os refráns… que despois se concretaron nos programas radiofónicos que,

adoptando todos os formatos da radio convencional (debates, entrevistas, enquisas, etc.),

saltaron ao ar o 6 de maio de 2005.

Nesta edición, a rede de emisoras participantes na experiencia medra, incorpórase a

Radio Montalegre de Portugal, estendendose a ponte pola “raia seca”.

Os estudios de radio desde os que se realizou a programación foron:

Rádio Ecos da Raia de Monçao.

Rádio Ines Negra de Melgaço.

Rádio Cultural de Vilanova de Cerveira.

Rádio Montalegre-Montalegre

Radio Municipal de Tui.

Radio ECCA de Vigo.

Radio Allariz.

Emisora Escolar Casa da Cultura de Salvaterra de Miño.

Radio Galega.

CMHW La Reina Radial del Centro de Cuba.

A maiores, a emisión puido seguirse a través de Internet desde a Web: www.pontenasondas.org.

5º. O COMPROMISO COA CANDIDATURA DE

PATRIMONIO INMATERIAL GALEGO-PORTUGUÉS

O compromiso coa Candidatura levou tamén neste ano a organizar un gran encontro do

patrimonio inmaterial no que se resumiran e visualizaran algúns dos aspectos presentes na

proposta presentada á UNESCO. Así, promoveuse a organización dunhas xornadas tituladas

“GALIZA E NORTE DE PORTUGAL: 1 PATRIMONIO PARA O FUTURO” que tiveron lugar na

localidade de Melgaço o 3, 4 e 5 de xuño. En diferentes lugares da vila portuguesa recreáronse

ambientes que fixeron posíbel que durante esa fin de semana o patrimonio tradicional fora

visibilizado por galegos e portugueses.

Exposicións de embarcacións fluviais e marítimas, proxeccións de documentais sobre artes e

oficios, demostracións ao vivo de oficios tradicionais: cesteiros, canteiros, selleiros, palilleiras,

ferreiros, oleiros…, xogos tradicionais infantís e xuvenís, exposicións de maios, gastronomía

tradicional nos restaurantes da vila, celebración de diversos debates e reunións sobre o estado

de conservación do patrimonio e a pertinencia do seu mantemento, etc.

Celebráronse dúas mostras sobre a tradición oral. A primeira agrupou ás manifestacións do

ciclo festivo e tivo os seguintes contidos:

Os romances de cego: Mini e Mero do grupo A Quenlla.

Os cantores beiroes: María Xosé e Alafun.

As regueifas galegas: Luís Caruncho e Augusto Canario.

As melodías ao norte do Miño: Gaiteiros de Xistra.

Os gaiteiros: Os Terribles de Donas.

As melodías a sul do Minho: Cantares do Minho.

As melodías do Miño: Galiza-Portugal.

A segunda mostra tivo abarcou as expresións sobre “Os ciclos do ano, da vida e do traballo”

e tivo as seguintes compoñentes:

O natal: Cantos de reis e janeiras de Galiza e Portugal.

O entroido: O folion e os boteiros de Vilariño de Conso.

A cuaresma: A serraçao da velha de Afife.

Os maios: Os maios de Ourense.

As festas: Os gaiteiros de Gave, Melgaço.

Os bailes: Rusga de San Vicente de Braga.

Os xogos: A roliña de Vilar de Cabeiras, Arbo

A voda: Regueifa da Voda de Santa Comba

Os traballos: O linho de San Pedro do Sul e o millo de Mondariz.

Os seráns: Cantos de pandeiro de Soutomaior, Cantos de adufe de Tras-Os-Montes

As danzas: Os ranchos de reis de Guláns de Ponteareas e de Salceda de Caselas e os Pauliteiros

de Miranda do Douro.

Estas xornadas, inauguradas pola Ministra de Cultura de Portugal, D.Isabel Pires de

Lima, tiveron unha notábel trascendencia como así o acredita a gran cantidade de público que

asistiu a cada un destes acontecementos e unha importante repercusión mediática tanto nos

medios de comunicación galegos como portugueses.

Outra das actividades promovidas como apoio explícito á Candidatura foi o Proxecto

Meniños Cantores.

Ponte...nas ondas! abre a porta a unha nova faceta: a edición e o traballo audiovisual.

Dende o ano 2001 no que se comeza o traballo co Patimonio Oral e Inmaterial, no campo

da música abríase un grande terreo no que traballar, e así o entenderon moitas das escolas, que

escolleron este tema para desenvolver as propostas de Ponte...nas ondas!

O reto e o gran desafío que se acometeu neste curso foi reunir, editar e gravar un

proxecto conxunto que recrease a tradición musical abordada desde escolas galegas e

portuguesas e servise para dar visibilidade ao compromiso das escolas con este patromonio.

O proxecto pasou por moitas dificultades, pola complexidade de coordenar a un

grande número de persoas e, fundamentalmente, polo seu custe económico que facía que as

posibilidades da Asociación se visen desbordadas e que fose preciso buscar recursos alleos, o

que retrasou moito e, ás veces puxo en serio perigo a súa realización. Con tesón e traballo

conseguiuse que 19 centros educativos galegos e portugueses se involucraran no proxecto. O

estudio de gravación Casa de Tolos en Gondomar foi o aliado imprescindíbel que fixo que ao

longo do curso 2004/05 se realizase todo o traballo. O resultado foi un disco-libro-dvd que

contén:

- Un CD con:

• 32 cancións.

• Unha pista interactiva con fotos, letras e partituras.

- Un DVD con:

• Un documental de 60´ con mostras do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués.

• Vídeoclips de cada un dos centros educativos.

• Un videoclip do tema central “Mais Perto” gravado por 500 xoves na ponte entre Tui e Valença do Minho.

• Un making off de 60 ´ de como se fixo o traballo.

• Karaokes dos temas do disco.

- Un LIBRO (en catro idiomas) con:

• Fotografías dos lugares de procedencia, o centro, os grupos de alumnos, ensaios, gravacións, etc.

• Textos dos temas e referencias á súa orixe, tradicional ou de creación, contexto, xénero, estilo, etc.

Neste traballo colaboraron músicos e artistas de Galiza e do Norte de Portugal. O prólogo do

libro é de Suso de Toro. A letra do tema central Máis Perto é de Uxía Senlle e a música é de

Segundo Grandío.

No mes de xuño de 2005, Ponte...nas ondas! reúne aos cincocentos participantes en Meniños

Cantores na vella ponte de Tui e Valença e alí gravouse o vídeo-clip do tema central Máis Perto,

composto especialmente para este proxecto por Uxía Senlle e Segundo Grandío.

Ponte...nas ondas!, como promotora principal da Candidatura, fixo ademais neste ano un

intenso traballo a prol da divulgación da Candidatura de Patrimonio Inmaterial Galego-

Portugués participando en actos por todo o territorio galego e de Portugal, mesmo facendo

presentacións desta Candidatura en Barcelona, Madrid, Bruxelas, Lisboa e París.

6. A CONTINUIDADE

A XII edición 2006: OS SONS DA PONTE

Ponte...nas ondas! voltou unir as voces dos tres continentes na xornada radiofónica do 26 maio

de 2006 reafirmando a fórmula que consolidou a experiencia de comunicación: a educación, a

cultura, os medios de comunicación e as novas tecnoloxías.

Recibe dous novos recoñecementos: O Premio Galicia de Comunicación 2005 por parte da

Xunta de Galiza e o premio Os Bos e Xenerosos por parte da Asociación de Escritores en

Lingua Galega.

A XII edición tivo como lema Os sons da Ponte e contou novamente coa participación de

centros educativos dos tres continentes ( Africa, América e Europa ) e con artistas

representativos da cultura galego-portuguesa que comparten unha mesma sonoridade e

expresión.

Colaborou na experiencia radiofónica o grupo Timbila Muzimba de Maputo ( Mozambique )

cuxos sons e o ritmos da Timbila ( unha especie de xilófono de madeira ) viñan de ser

proclamados como Obra Mestra do Patrimonio Inmaterial nas últimas proclamacións da

UNESCO. Neste caso a "timbila" (o xilofone africano) xúntase ao "muzimba" (o corpo que sente

e exterioriza o son creado) nun espectáculo de cruzamento de sonoridades tradicionais e

contemporáneas.

O grupo Timbila Muzimba impartiu obradoiros nos centros educativos galegos e portugueses e

actuou na V Mostra da Oralidade Galego-Portuguesa.

De Portugal chegou nesta ocasión a colaboración dunha persoa polifacética e de orixe

mozambicana como Amélia Muge. Desde o principio, a súa carreira musical foi en constante

desenvolvemento, integrando diversas formas de expresión artística e cultural, intentando a

unión entre música e educación, a través da comunicación. Amélia Muge xa tiña realizado

algunha colaboración con grupos galegos como Camerata Meiga ou con Amancio Prada. Nesta

ocasión, gravou para a ocasión, xunto co galego Narf unha versión do poema Eu levo unha pena

de Rosalía de Castro.

E do Brasil estivo na xornada radiofónica a voz de Luanda Cozetti, filla de Alipio de Freitas.

Desde o seu Rio de Janeiro trouxo os sons do seu último traballo musical Puro co baixista

Norton Daniello. Luanda Cozetti ten unha intensa vida asociada á loita do seu pai, Alipio de

Freitas, obxecto dunha letra de José Afonso. Luanda Cozetti e Norton Daniello gravaron para

esta edición unha versión do tema tradicional común O alecrim.

E da Galiza máis emerxente e máis creativa estivo en Ponte...nas ondas! a voz e o talento de

Narf ( Fran Pérez ) . O último traballo de Narf, Bumba, está directamente vinculando aos

Timbila Muzimba. A Banda de Poi aportou a Ponte...nas ondas! o seu traballo de colaboración con

músicos portugueses.

A programación de Ponte...nas ondas! contou coa participación de grupos de xoves de Cuba,

Brasil ou Cabo Verde e con alumnos de escolas primarias, secundarias e das Universidades de

Vigo, Santiago e Tras-Os-Montes. E para completar todas franxas de idade, sumáronse ás 24

horas de programación un grupo de alumnado da Universidade Senior de Chaves.

Festival da Oralidade OS NOSOS SONS:

Unha proposta para os centros educativos

Máis de 1.500 xoves encheron a Carpa da Cultura Circula para asistir ao Festival da Oralidade

que Ponte...nas ondas! organizou para os centros educativos do Sur de Galiza e do Norte de

Portugal.

Centros educativos de primaria e secundaria de Tui, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño,

Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas, Vigo, Gondomar, As Neves, Tomiño, Monçao, Melgaço e

Valença do Minho déronse cita nesta primeira iniciativa destinada especificamente aos centros

educativos.

Este festival estivo organizado xunto co Concello de O Porriño, o Xacobeo e a

Consellaría de Cultura na Carpa de A Cultura Circula. Aproveitando a súa instalación en O

Porriño, desde Ponte...nas ondas! promóveuse por primeira vez un festival da oralidade

destinado especialmente para os centros educativos de primaria e secundaria dos dous lados da

fronteira.

O patrimonio inmaterial galego-portugués continúa a marcar as actividades de Ponte...nas

ondas! Nesta ocasión tratouse de achegar aos xoves as novas sonoridades deste patrimonio. O

relato oral interpretado polo narrador e actor Avelino González, as proxeccións audiovisuais que

recollen os sons dos portadores do patrimonio por todo o territorio, a tradicional regueifa e os

cantos ao desafío da man de Luis Caruncho e Augusto Canario, a nova voz musical de Toñito de

Poi, os sons do grupo Loreta Martin. E, para rematar, unha animación da man de Locamotora.

V MOSTRA DA ORALIDADE GALEGO-PORTUGUESA

A V Mostra da Oralidade Galego-Portuguesa desenvolveuse o 3 de xuño de 2006 na Praza de San

Sebastián no Porriño.

Abriu o festival o actor e narrador oral Avelino González quen ao longo da noite foi relatando

algunhas singularidades compartidas entre galegos e portugueses.

Comezou a música do Brasil da man do dúo Couple Coffee que presentaron unha innovadora

formación de baixo acompañando a magnífica voz de Luanda Cozetti.

De Portugal chegou a voz de Amélia Muge, mozambicana de orixe, quen presentou unha completa

formación músical e ofreceu un repertorio especial no que non faltou a versión do tema de Rosalía

de Castro “Eu levo unha pena” que interpretou con Fran Pérez e que compuxeron ambos para a XII

edición de Ponte...nas ondas!

O momento de maior intensidade viviuse coa interpretación do “Cantar Galego” por parte de

Luanda Cozetti ( Brasil ) , Uxía ( Galiza ) e Amélia Muge ( Portugal ).

E para poñer fin á Mostra da Oralidade, o espectáculo Bumba, unha fantástica ensamblaxe entre a

formación de Narf ( Galiza ) e os Timbila Muzimba ( Mozambique ). Unha intensa e plástica

actuación que achegou as augas do Atlántico ás do Índico onde a comunidade dos Chopi Timbila

forman as agrupacións de timbilas. Narf ofreceu un traballo moi interesante de mestizaxe e fusión

entre a súa proposta musical e os ritmos africanos Moçambique.

Unha vez máis, o patrimonio común foi o nexo de unión que expresou toda a súa sonoridade a

través de OS SONS DA PONTE na V Mostra da Oralidade Galego-Portuguesa.

A XIII edición 2007: NA REDE DO PATRIMONIO

Máis de 50.000 alumnos de centros educativos de Galiza e Portugal así como de Colombia, Brasil

e Estados Unidos participaron na XIII edición, celebrada o 1 de xuño de 2007. A nova

experiencia radiofónica interescolar, que dá continuidade á liña de traballo iniciada no 2002

para impulsar a candidatura do patrimonio inmaterial galego-portugués á Unesco, deu un salto

cualitativo coa emisión de televisión a través da rede realizada pola Televisión da Universidade

de Vigo.

Os estudios da Radio Galega en San Marcos foron o escenario no que deu comezo a XIII edición

do Ponte... nas ondas! Esta vez foron máis de 50.000 os alumnos de primaria, secundaria e

universitarios que traballaron durante o curso académico para encher de contido a grella con

programas variados entre os que se incluíron noticiarios, música, contacontos e espazos

dedicados ao mundo dos oficios tradicionais, a regueifa ou a poesía.

Esta edición constituiu unha aposta decidida por converter a internet na “praza pública de

intercambio e a feira do patrimonio onde se trocaron os traballos producidos polo mozos”. A

aposta pola rede e a posta en valor do patrimonio son dous aspectos que están contemplados no

PEGSI ( Plano Estratéxico da Sociedade da Información ) elaborado pola Consellaría de

Industria.

En 1998, e de xeito pioneiro, a xornada radiofónica fixo unha primeira emisión de vídeo e audio

a través da rede. Posteriormente optouse por emitir tan só o son. Dende aquela, a evolución que

experimentou Ponte... nas ondas! correu parella aos avances nas novas tecnoloxías. Este ano, os

internautas puideron non só escoitar senón tamén ver ao verdadeiros protagonistas da cita.

O Auditorio da Facultade de Telecomunicacións de Vigo, convertido no epicentro das emisións,

acolleu o festival radiofónico no que participaron grupos procedentes da cultura tradicional

galega e portuguesa como Malvela, Sergio Gordinho e Lenine. O brasileiro realizou para a

ocasión unha versión do tema A ponte. A Sra. Carme do grupo Malvela cantou para a ocasión un

tema tradicional a xeito de cuña radiofónica.

VI MOSTRA DA ORALIDADE GALEGO-PORTUGUESA

No marco da Mostra do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués realizada no mes de novembro

en Pontevedra por parte da Consellaría de Cultura, o Concello de Pontevedra, o proxecto Ronsel

e Ponte...nas ondas!, realízase unha nova mostra do património común galego-portugués coas

seguintes actuacións:

-Pauliteiros de Sendim (Terra de Miranda, Tras-os-Montes, Portugal)

-Caretos de Podence (Portugal)

-Zés Pereiras de Vilaverde-Braga

-Suso e Antonio de Xornes (Ponteceso)

-Charanga de Ultreia

-Pandereteiras e gaiteiros de Pontecaldelas, Toutón, A Ermida e

Gargamala.

7. UNHA INICIATIVA INÉDITA E NECESARIA

Ponte...nas ondas! é, no contexto das comunidades fronteirizas, especialmente entre

España e Portugal, unha iniciativa que superou o inicial ámbito educativo-pedagóxico para

constituír un exemplo de proposta cultural de superación de fronteiras “mentais” unha vez

ultrapasadas as barreiras físicas e políticas entre Galiza e Portugal.

O labor de dinamización realizado desde a comunidade educativa e proxectado para

toda a sociedade constitúe o espello onde a actividade do colectivo ten brillado. Desde e

primeira inicitiva da xornada de radio interescolar á presentación diante da UNESCO dunha

candidatura multinacional de Patrimonio Inmaterial refrendada polos Estados español e

portugués, as accións realizadas demostran que aínda é posíbel a realización de proxectos

que nacendo da sociedade civil son capaces de conseguir superar obstáculos e barreiras que

unhas veces son máis invisíbeis do que físicas.

Nun proxecto como o de Ponte...as ondas! a educación estaría na dirección adecuada

para favorecer a amizade entre pobos e culturas e para minimizar os efectos da incomunicación,

non só a que afecta aos pobos galego e portugués entre sí, senón a outros pobos que emigran a

Galiza e Portugal, coas súas linguas e culturas que enriquecen o panorama da interculturalidade.

Con esta perspectiva pedagóxica, a experiencia de Ponte... nas ondas! ten que seguir

acendendo novas luces non só no sistema educativo, pois é unha mostra palpábel de calidade,

senón tamén nas relacións sociais e culturais entre galegos e portugueses xunto co resto dos

portadores da cultura galego-portuguesa que se encontran espallados polo mundo.

8. NO CONTEXTO DA RENOVACIÓN PEDAGÓXICA

Ponte...nas ondas! súmase na década dos noventa ao movemento de renovación

pedagóxica, que foi arraigando na educación galega e portuguesa ao longo do século XX, no

medio dos atrancos que a realidade sociopolítica e a inercia dos sistemas educativos ían

colocando no camiño.

Sen ánimo de ir moi lonxe na procura das raíces deste momento moderno de cambio

educativo, podemos iniciar no primeiro tercio do século XX, no marco da organización

internacional da Escola Nova, favorecida en Portugal pola proclamación da primeira República

(1910), e no Estado Español polo rexeneracionismo cultural e pedagóxico que xurdiu, a pesares

das circunstancias políticas adversas, co pulo da I.L.E. ( Institución Libre do Ensino ).

O movemento da Escola Nova e activa, por un lado, e os movementos pola Paz na Escola

poden estar nas orixes das ideas e das prácticas que hoxe defende e practica Ponte...nas ondas!

No Estado Español, a primeira metade da década dos trinta propiciou o escenario ideal

para a profundización teórico-práctica nas formulacións deses dous movementos. En Portugal,

pesares do retroceso democrático acontecido a finais dos vinte coa dictadura de Salazar, aínda

puido desenvolverse unha pedagoxía mais renovadora, como foi a iniciada en Francia por Celestín

Freinet, e introducida en Portugal por Alvaro Viana de Lemos.

A pedagoxía Freinet, que se reorganizaría despois da II Guerra Mundial, recolle

elementos da escola activa, da escola internacional e pola paz, e ademais achégase moito máis ao

pensamento de Ponte...nas ondas!, pola idea de inserción no entorno sociocultural lindante.

Efectivamente, cuns anos de adianto en Portugal con respecto a Galiza, o freinetismo foi a

plataforma para a construción dunha nova escola no fin das longas dictaduras de Franco e

Salazar.

A partires do 25 de abril en Portugal e da transición democrática no Estado español, o

movemento pedagóxico é plural, aínda sen contar a intensidade adquirida no primeiro tercio do

século XX. Son moitos os sindicatos, movementos de renovación pedagóxica, movementos de

educadores e educadoras pola paz os que tentan introducir novos paradigmas críticos na

educación.

Podemos sinalar unha novidade con respecto a outros movementos históricos. Mentras

daquela os renovadores galegos e portugueses ollaban para Europa por separado, tomando como

referentes o Instituto J. J. Rousseau, de Xenebra, ou a Cooperativa de Ensino Laico

freinetiana, ou mais recentemente as Escolas de Verán Rosa Sensat en Cataluña, agora

procúrase un diálogo previo transfronteirizo entre Galiza e Portugal, entre educadores/as,

pertencentes a realidades administrativas diferentes, mais unidos por unha realidade cultural e

lingüística moi semellante, alomenos entre o Norte de Portugal e Galiza. Este diálogo tíñase

producido nos anos 20 e 30, mais desde plataformas diferentes ás da renovación pedagóxica.

No panorama recente, o caso máis claro de aproximación é o protagonizado pola

AGAL, aínda que prioriza o debate lingüístico fronte ao debate da renovación pedagóxica. Neste

plano foi a Asociación Sociopedagógica Galego-Portuguesa (ASPGP), escindida da Asociación

Sociopedagóxica Galega (ASPG), no ano 1983, quen deu un primeiro paso. Unha das claves da

escisión foi tamén o debate político-lingüístico, chegando a manter uns anos en paralelo dúas

revistas co nome de O Ensino, e Xornadas do Ensino paralelas ás Jornadas do Ensino. A pesares

desta opción nominal e lingüística, non consta que ao longo de mais de 20 anos, se teña avanzado

na integración de profesorado renovador de Portugal e Galiza.

Por iso, este encontro da educación galega e portuguesa hai que buscalo noutras

iniciativas, como a de Ponte...nas ondas!, nacida no ano 1995. Iniciativa que constitúe en sí

mesmo unha orixinal e novedosa experiencia entre comunidades educativas de dous países.

Iniciativa pioneira nas diversas facetas da actividade que merece ser estudida e preservada,

coma unha mostra da capacidade de innovación e desenvolvemento do mundo da educación.

PNO= EDUCACIÓN + MEDIOS + CULTURA + NOVAS TECNOLOXÍAS