Loredo, X. (2015). "Aproximación á situación sociolingüística en Galicia. A evolución da...

30
A letra miúda-nº6 – Revista de sociolingüística da CGENDL Santiago de Compostela- ISSN 2255-0976 Xaquín Loredo Gutiérrez Aproximación á situación sociolingüística en Galicia. A evolución da transmisión lingüística interxeracional do galego. Neste artigo, Xaquín Loredo ten como obxectivo, por unha parte, analizar a evolución da situación da lingua galega nas principais variables demolingüísticas (i.e. competencias lingüísticas, uso lingüístico habitual do galego, lingua inicial, lingua habitual) e, por outra parte, analizar o nivel de ruptura da transmisión interxeracional familiar do galego. 1. Introdución Os últimos datos demolingüísticos dispoñibles sobre a situación da lingua galega foron publicados en decembro de 2014 (Instituto Galego de Estatística. IGE, 2013). Estes resultados pertencen ao Módulo de galego da Enquisa de Condicións de Vida das Familias (ECVF), enquisa que tamén se administrou en 2003 e 2008 (Instituto Galego de Estatística. IGE, 2004, 2008). Os resultados do IGE-2013, ademais de ser os últimos datos demolingüísticos existentes, permiten analizar a evolución da lingua galega desde inicios do século XXI, xa que os resultados son comparables cos datos do IGE-2008 e IGE-2003, e en menor medida, con outros estudos como o MSG-1992 (Seminario de Sociolingüística da RAG, 1994). Os estudos demolingüísticos do IGE-2003, 2008 e 2013 non son as únicas investigacións dispoñibles para analizar a situación do galego. Outra fonte de datos importante son os Censos Lingüísticos de 1991, 2001 e 2011 (a partir de agora CL-

Transcript of Loredo, X. (2015). "Aproximación á situación sociolingüística en Galicia. A evolución da...

A letra miúda-nº6 – Revista de sociolingüística da CGENDL

Santiago de Compostela- ISSN 2255-0976

Xaquín Loredo Gutiérrez

Aproximación á situación sociolingüística en Galicia. A

evolución da transmisión lingüística interxeracional do

galego.

Neste artigo, Xaquín Loredo ten como obxectivo, por unha parte, analizar a

evolución da situación da lingua galega nas principais variables demolingüísticas

(i.e. competencias lingüísticas, uso lingüístico habitual do galego, lingua inicial,

lingua habitual) e, por outra parte, analizar o nivel de ruptura da transmisión

interxeracional familiar do galego.

1. Introdución

Os últimos datos demolingüísticos dispoñibles sobre a situación da lingua galega

foron publicados en decembro de 2014 (Instituto Galego de Estatística. IGE, 2013).

Estes resultados pertencen ao Módulo de galego da Enquisa de Condicións de Vida

das Familias (ECVF), enquisa que tamén se administrou en 2003 e 2008 (Instituto

Galego de Estatística. IGE, 2004, 2008). Os resultados do IGE-2013, ademais de

ser os últimos datos demolingüísticos existentes, permiten analizar a evolución da

lingua galega desde inicios do século XXI, xa que os resultados son comparables

cos datos do IGE-2008 e IGE-2003, e en menor medida, con outros estudos como o

MSG-1992 (Seminario de Sociolingüística da RAG, 1994).

Os estudos demolingüísticos do IGE-2003, 2008 e 2013 non son as únicas

investigacións dispoñibles para analizar a situación do galego. Outra fonte de datos

importante son os Censos Lingüísticos de 1991, 2001 e 2011 (a partir de agora CL-

A letra miúda-nº6 – Revista de sociolingüística da CGENDL

2

Santiago de Compostela- ISSN 2255-0976

1991,CL-2001, CL-2011). Os Censos Lingüísticos preguntan sobre usos e

competencias lingüísticas en galego, utilizando dúas preguntas. A pouca

información achegada polos Censos Lingüísticos súplese polo nivel de

representatividade, xa que estas dúas preguntas fixéronselle a toda a poboación en

1991 e 2001, e a unha mostra considerable en 2011 (207.942). O estudo

sociolingüístico de maior importancia en Galicia foi o Mapa Sociolingüístico de

Galicia de 1992 (a partir de agora, MSG-1992) caracterizado polo tamaño da

mostra (38.897 enquisas) e cuestionario administrado (148 preguntas). A

continuación do MSG-1992, o Mapa Sociolingüístico de Galicia de 2004 (a partir de

agora, MSG-2004), foi criticado especialmente polo deseño da mostra, dado que

soamente contemplaba a poboación que puidese ser posible obxecto de

intervención (15-54 anos), xa que en 2003 o IGE acababa de administrar outra

enquisa coa mesma finalidade (González et al., 2011; González, Rodríguez,

Fernández, Loredo, & Suárez, 2006, 2008; Seminario de Sociolingüística da RAG,

1994, 1995, 1996). Por último, mencionamos os estudos sobre Conocimiento y uso

de las lenguas en España (Siguán, 1994, 1999). Esta serie, composta por dúas

investigacións realizadas polo Centro de Investigacións Sociolóxicas, ten como

ámbito de análise todas as comunidades con lingua propia. A diferenza substancial

desta serie fronte ao resto é a capacidade para comparar resultados de diferentes

linguas (a partir de agora, CIS-1994, 1999).

Despois de que os medios de comunicación desen conta dos resultados do IGE-

2013, dunha forma moi sucinta, o Seminario de Sociolingüística da RAG está

realizando unha análise en profundidade dos datos demolingüísticos dispoñibles ata

o momento, centrándonos nos resultados do IGE-2013. Esta análise seguirá as

liñas de estudos previos realizados polo Consello da Cultura para as enquisas do

IGE-2008 e IGE-2003 (Monteagudo, Carballo, & Casares, 2011; Monteagudo,

Lorenzo, Casares, Loredo, & Suárez, 2005). Este estudo está planificado para saír

en dúas fases: a) A sociedade e o idioma (1992-2013); b) A transmisión lingüística

interxeracional.

A letra miúda-nº6 – Revista de sociolingüística da CGENDL

3

Santiago de Compostela- ISSN 2255-0976

Este artigo ten dúas partes diferenciadas. A primeira parte ten como obxectivo

analizar a evolución da situación da lingua galega nas principais variables

demolingüísticas (i.e. competencias lingüísticas, uso lingüístico habitual do galego,

lingua inicial, lingua habitual). A segunda parte destinada a analizar o nivel de

ruptura da transmisión interxeracional familiar do galego.

2. MÉTODO

2.1. MICRODATOS

Os microdatos utilizados para realizar este estudo foron: IGE-2003, IGE-2008, IGE-

2013 e MSG-92, esta última soamente para análise de competencias. As bases de

datos complementarias serán as relacionadas co Censo Lingüístico: CL-1991, 2001

e 2011.

As Figuras 1 e 2 presentan as características dos estudos mencionados e outras

investigacións demolingüísticas de carácter xeral realizadas en Galicia. A Figura 1

está centrada nos datos dos Censos Lingüísticos e evidencia a diferenza entre os

CL-1991 e 2001 fronte ao CL- 2011, os dous primeiros recollen toda a poboación

obxecto de estudo mentres o CL-2011 é unha enquisa de gran tamaño, en concreto

de 207.942 persoas1.

1 Para máis información para as características do ‘Censo de Poboación e vivendas. Coñecemento e

Uso do Galego. Ano 2011’ véxase

http://www.ige.eu/estatico/pdfs/s3/notasExplicativas/notas_Censo_Galego_2011.pdf

A letra miúda-nº6 – Revista de sociolingüística da CGENDL

4

Santiago de Compostela- ISSN 2255-0976

Figura 1. Censos Lingüísticos. Distribución por anos e tamaño da mostra

A Figura 2 presenta os principais estudos demolingüísticos representados nun eixe

de tamaño da mostra e ano da administración da enquisa. As investigacións

presentadas son: Mapa(s) Sociolingüístico(s) de Galicia (MSG), Enquisa(s) de

Condicións de Vida do IGE (IGE), Conocimiento y Uso de las Lenguas en España do

Centro de Investigaciones Sociológicas (CIS) e, por último, a enquisa realizada polo

Observatorio da Lingua Galega (a partir de agora, OLG)2. Non se inclúe nesta

relación investigacións sociolingüísticas sectoriais porque non entran nos obxectivos

deste traballo. (e.g. Ayestarán & De la Cueva, 1974; Rojo, 1979).

2 O estudo demolingüístico a que facemos referencia aquí é o relacionado co ámbito da cidadanía. Este

organismo realizou estudos sobre ámbitos concretos (i.e. educación, Internet, organismos de

intermediación, economía e empresa, sanidade, tecnoloxías da información e da comunicación, tecido

asociativo, medios de comunicación, administración).

A letra miúda-nº6 – Revista de sociolingüística da CGENDL

5

Santiago de Compostela- ISSN 2255-0976

Figura 2. Estudos demolingüísticos xerais. Distribución por anos e tamaño da mostra*

2.2. MEDIDAS

Este estudo analizará: a) as competencias lingüísticas autopercibidas, b) usos

lingüísticos do galego a través da pregunta do Censo Lingüístico, c) lingua inicial, d)

lingua habitual e, e) índice de transmisión lingüística interxeracional do galego.

As competencias lingüísticas autopercibidas en galego estudaranse desde dúas

perspectivas diferentes: a) datos do Censo Lingüístico onde soamente se pregunta

se se ten capacidade para entender, falar, ler e escribir e en galego; e b) pregunta

utilizada nos Mapas Sociolingüísticos e IGE onde se lle pide ao enquisado que valore

as súas competencias nunha escala de catro puntos (i. e. nada, pouco, bastante,

moito) nas catro destrezas. Para a exposición dos resultados utilizarase o concepto

de ‘dominio efectivo’, concepto que consiste en sumar as alternativas ‘moito’ e

‘bastante’ (Seminario de Sociolingüística da RAG, 1994).

O estudo da transmisión lingüística familiar interxeracional realizouse a través do

A letra miúda-nº6 – Revista de sociolingüística da CGENDL

6

Santiago de Compostela- ISSN 2255-0976

Índice de Transmisión Interxeracional (ITI). O ITI provén da adaptación dun

indicador utilizado en Cataluña (Fabà & Montoya, 2012; Miralles & Abat, 2011;

Torres-Pla, 2006). Este índice amosa o cambio lingüístico que se produce entre a

herdanza lingüística recibida polo individuo e a escollida para os fillos, constituíndo

unha das formas de medir a vitalidade dunha lingua (Torres-Pla, 2009). En Galicia,

un índice destas características foi utilizado no OBLG-2007 (Observatorio da lingua

galega, 2007) e polo Seminario de Sociolingüística que utilizou un indicador

chamado ICEP3

Este traballo utiliza unha modificación do indicador proposto por Torres-Pla (2009)

en dous aspectos: a) este autor utiliza como unha das variables a ‘lingua falada cos

pais’, aquí utilizase a ‘lingua na que lle falaban os seus pais cando eran nenos’; b)

utiliza a %LAPa mentres aquí utilizamos a %LAPb, é dicir, soamente escollemos a

poboación con fillos. No seu artigo xustifica que apenas existen diferenzas entre

utilizar unha formula ou outra. En definitiva, para este artigo escóllese a fórmula

(2) fronte a (1) para o ITI4.

%LAPa= porcentaxe dos que falaban a lingua A cando eran pequenos de

forma exclusiva ou predominante cos proxenitores.

%LAPb= porcentaxe dos que falaban a lingua A cando eran pequenos de

forma exclusiva ou predominante cos proxenitores e teñen fillos.

3 Os resultados deste índice presentáronse por este mesmo autor no relatorio ‘A fractura da

transmisión interxeracional da lingua galega. Canto, cando e como’. X Curso de Verán sobre a

Dinamización Lingüística para a transmisión interxeracional do galego, o 9, 10 e 11 de Xullo de 2014.

Coordinadora galega de equipos de normalización e dinamización lingüística.

4 Hai que sinalar que existe un ITI corrixido segundo a natalidade diferencial atendendo á lingua. Os datos para aplicar ese indicador estanse a preparar para a súa análise e posterior publicación.

A letra miúda-nº6 – Revista de sociolingüística da CGENDL

7

Santiago de Compostela- ISSN 2255-0976

%LAF= porcentaxe dos que falan a lingua A de forma exclusiva ou

predominante cos fillos.

O resultado final é unha puntuación que oscila entre -1 e +1 que, por tanto,

permite xerarquizar as diferenzas de intensidade do avance ou retroceso dunha

lingua. Este índice levará por nome ITIGal

3. RESULTADOS

3.1. OS COÑECEMENTOS LINGÜÍSTICOS

A finalidade deste apartado é analizar os coñecementos lingüísticos en galego da

poboación galega. Por coñecemento lingüísticos entendemos a capacidade para

entender e ler –habilidades receptivas- e a capacidade para falar e escribir –

habilidades produtivas- que teñen os galegos de cinco ou máis anos na lingua

propia. As medidas que se van utilizar caracterízanse por ser autoavaliacións en

relación a uns criterios propios, criterios que son descoñecidos polos investigadores

(Solé, 2008).

Os resultados do Censo Lingüístico sobre as competencias lingüísticas dos galegos

indican que case a totalidade da poboación comprende oralmente esta lingua,

incluso na produción oral, a porcentaxe de persoas que se autoavalían como

competentes para falar en galego é lixeiramente superior ao 90% (Figura 3). A

análise evolutiva das competencias orais desde 1991 ata 2011 indica que o número

de persoas que comprenden a lingua galega aumentou en máis de 100.000 persoas

e, case en 30.000 os enquisados que poden falalo. Centrándonos na capacidade

lectoescritora, esta habilidade aumentou considerablemente en dez anos (1991-

2001, non hai datos de 2011), xa que a porcentaxe de persoas que teñen a

capacidade para ler e escribir en galego aumentou cerca de vinte puntos

A letra miúda-nº6 – Revista de sociolingüística da CGENDL

8

Santiago de Compostela- ISSN 2255-0976

(Figura 3)5.

Figura 3. Competencias lingüísticas dos galegos (%)

Fonte: Datos do Censo de Poboación e Vivendas de 1991, 2001 e 2011*.

Poboación: Poboación de 5 ou máis anos

*Os resultados das habilidades lectoescritoras do Censo Lingüístico galego de

2011 non están dispoñibles

A evolución do ‘dominio efectivo’ das competencias en galego (Figura 4) nas

persoas de 15 ou máis anos, 16 ou máis no caso do MSG-1992, está caracterizada

por unha estabilidade nas competencias orais, tanto activas como pasivas, con

datos semellantes ao do Censo Lingüístico. A poboación cun dominio efectivo nas

5 Os resultados de competencia para ler e escribir abarcan desde o 5 ou máis anos. Analizando os

resultados destas destrezas de 2001 por idade, obsérvase que a porcentaxe de persoas entre 5 e 9

anos capaces de ler e escribir diminúe case 45 e 50 puntos, respectivamente, en relación ao tramo de

idade seguinte (i.e. 10 a 14 anos). Habería que estudar se para analizar as competencias

lectoescritoras habería que restrinxir o tramos de idade, comezando cos galegos de 10 ou máis anos.

A letra miúda-nº6 – Revista de sociolingüística da CGENDL

9

Santiago de Compostela- ISSN 2255-0976

competencias de comprensión escrita case se duplicou entre 1991 e 2003. A partir

dese momento, en ‘porcentaxes totais’, sufriu un certo estancamento.

Figura 4. Evolución do ‘dominio efectivo’6 das competencias lingüísticas en galego desde

1992 a 2013 (%)

Fonte: Mapa Sociolingüístico de Galicia 1992 e Enquisa de condicións de vida

das familias 2003, 2008 e 2013.

Poboación: Galegos/as de 15 ou máis anos no IGE (2003, 2008, 2013) e

galegos/as de 16 ou máis anos no MSG (1992).

6 O ‘dominio efectivo’ correspóndese coa agrupación das opcións ‘moito’ e ‘bastante’ (ver apartado de

Medidas).

A letra miúda-nº6 – Revista de sociolingüística da CGENDL

10

Santiago de Compostela- ISSN 2255-0976

A figura 5 presenta o dominio efectivo dos galegos nas destrezas expresivas, tanto

orais coma escritas, segundo a idade, en 2013 (IGE-2013). Os resultados indican

unha continua evolución positiva na destreza escrita a medida que a idade dos

enquisados é menor. Esta tendencia pódese resumir en que un 16,85% das persoas

maiores de 75 anos teñen a capacidade efectiva para escribir en galego, mentres

nos de 15 a 19 a porcentaxe aumenta ata un 92,17%. De feito, a figura 5 reflicte

un fenómeno de inversión entre dominio efectivo escrito e oral. Este efecto

consiste en que, mentres nos maiores de 75 anos hai unha distancia de 80,64

puntos entre as persoas cunha capacidade para falar en galego fronte as persoas

que son capaces expresarse por escrito, nos tramos de idade máis nova (i.e. 15-19,

20-24) hai unha porcentaxe lixeiramente superior de persoas que son capaces de

expresarse por escrito en galego fronte as que son capaces de expresarse

oralmente (i.e. 15-19 anos: 3,58%). Esta tendencia xa se percibía no tramo de 10

a 14 anos do Censo Lingüístico de 2001 e aquí as diferenzas eran incluso maiores

(i.e. 7,37 puntos).

Figura 5. Dominio efectivo na expresión oral e escrita en galego segundo a idade. 2013(%)

A letra miúda-nº6 – Revista de sociolingüística da CGENDL

11

Santiago de Compostela- ISSN 2255-0976

Fonte: Enquisa de condicións de vida das familias 2013.

Poboación: Galegos/as de 15 ou máis anos.

3.2. AS LINGUAS EN GALICIA

3.2.1. O CENSO LINGÜÍSTICO

A primeira aproximación ás linguas en Galicia facémola a través dos datos de

utilización do galego recollidos nos Censos Lingüísticos (Figura 6). A principal

conclusión que se pode tirar da comparación dos resultados de 1991 e 2001 é a

existencia dunha certa estabilidade na utilización do galego. Resumindo, nesa

década, un millón e medio de galegos indicaban utilizar ‘sempre’ a lingua galega e

oitocentas facíano ‘ás veces’. A diferenza correspóndese co número persoas que

sinalaban que ‘nunca’ utilizaban o galego , xa que a súa cifra duplicouse neses dez

anos. Hai que sinalar que o CL-1991 ten unha porcentaxe importante de casos

perdidos ( 5,36%).

Os datos de utilización do galego, despois da ‘relativa’ estabilidade entre 1991 e

2001, sufriron unha involución importante, as persoas que sinalaban que utilizaban

‘ás veces’ galego superaron en número ás persoas que indicaban que ‘sempre’

falaban galego. En definitiva, este último grupo perdeu máis de 270.000 falantes

monolingües en galego.

A letra miúda-nº6 – Revista de sociolingüística da CGENDL

12

Santiago de Compostela- ISSN 2255-0976

Figura 6. Uso da lingua galega en 1991, 2001 e 2011 (N)

Fonte: Datos do Censo de Poboación e Vivendas de 1991, 2001 e 2011.

Poboación: Galegos/as de 5 ou máis anos

*Censo de Poboación e Vivendas de 1991. Alternativa ‘non consta’: 142.166 persoas

(5,36%)

3.2.2. A LINGUA INICIAL

Os datos recollidos na última enquisa do IGE acerca da variable lingua inicial ou

lingua que aprendeu a falar cando era neno (Figura 7) indican que en 2013 os

galegos de 5 ou máis anos aprenden a falar maioritariamente en galego (40,86%),

seguidos a dez puntos polos castelanfalantes iniciais (30,88%) e, a pouca distancia,

polos bilingües iniciais (25,26%). A análise da evolución dos resultados, tendo en

conta os datos do IGE-2004, IGE-2008 e IGE-2013, indica que a poboación con

lingua inicial ‘galego’ vai diminuíndo progresivamente mentres aumenta a

porcentaxe de persoas que aprenden a falar nas dúas linguas.

A letra miúda-nº6 – Revista de sociolingüística da CGENDL

13

Santiago de Compostela- ISSN 2255-0976

Figura 7. Lingua inicial en 2003, 2008 e 2013 (%)

Poboación: Galegos/as de 5 ou máis anos

Fonte: Enquisa de Condición de Vida das Familias, 2003, 2008 e 2013.

Utilizando de referencia para a análise os valores absolutos, os resultados da lingua

inicial (Táboa 1) indican que os bilingües iniciais duplicáronse nos dez anos

transcorridos entre 2003 e 2013 (54,1%), pola contra os galegofalantes iniciais

descenderon un 21,79%. Os castelanfalantes iniciais apenas sufriron variación

(+2,19%).

Analizando aos galegofalantes iniciais por tramos (i.e. 2003-2008 e 2008-2013)

percíbese unha aceleración progresiva da perda de falantes (2003-2008:-112.604;

2008-2013: -180.791). A situación dos castelanfalantes iniciais foi cambiante

nesta década. O primeiro tramo reflectía que estas persoas diminuían (-73.045),

mentres, pola contra, estes últimos anos o seu número aumentaba (+90.074).

Esta oscilación entre o primeiro e segundo período temporal tamén está presente

A letra miúda-nº6 – Revista de sociolingüística da CGENDL

14

Santiago de Compostela- ISSN 2255-0976

nos bilingües iniciais: aumento en 2003-2008 (+181.345) e redución do aumento

no segundo tramo (+48.159).

Táboa 1. Lingua inicial da poboación galega de 5 ou máis anos, en valores absolutos. Anos

2003, 2008 e 2013

A B C 2003-2008 2008-2013 2003-2013

2003 2008 2013 B-A (B-A)/A% C-B (C-B)/B % C-A (C-A)/A %

As Dúas 421.798 603.143 651.302 181.345 42,99% 48.159 7,98% 229.504 54,41%

Galego 1.346.716 1.234.112 1.053.321 -112.604 -8,36% -180.791 -14,65% -293.395 -21,79%

Castelán

779.140 706.095 796.169 -73.045 -9,38% 90.074 12,76% 17.029 2,19%

Outras 41.720 63.104 77.178 21.384 51,26% 14.074 22,30% 35.458 84,99%

TOTAL 2.589.375 2.606.453 2.577.969 17.078 0,66% -28.484 -1,09% -11.406 -0,44%

Fonte: Elaboración propia. IGE, Enquisa de Condicións de Vida das Familias 2003, 2008 e

2013.

A representación gráfica dos resultados de lingua inicial das series do IGE utilizando

valores absolutos (Figura 8) permite observar visualmente a súa evolución. A

maiores, represéntase a liña da tendencia de evolución dos datos ata 20167.

O IGE estimaba que en 2003 existían 1.346.716 persoas que aprenderon a falar ‘en

galego’, cifra que se foi reducindo aceleradamente ata chegar en 2013 ao millón de

persoas (1.053.312). As previsións indican que a partir de 2015 esta cifra será

inferior ao millón de persoas. Estímase que o número de bilingües iniciais en 2015

acadará o número de 700.000 persoas.

Sen realizar unha estimación en firme da evolución dos castelanfalantes iniciais,

todos os datos indican que o número será superior a 796.169. A pregunta que se

7 Non introduciu unha liña de tendencia en ‘castelán’ porque o axuste non era suficiente.

A letra miúda-nº6 – Revista de sociolingüística da CGENDL

15

Santiago de Compostela- ISSN 2255-0976

nos presenta é se entre 2013 e 2018 o número de falantes iniciais ‘en castelán’

aumentará na mesma medida, menos ou máis que entre 2008 e 2013 (12,76%)8.

Asumindo unha tendencia igual que entre 2008 e 2013, en 2018 o número de

castelanfalantes iniciais en 2018 será arredor de 900.000, moi próximo ao número

de galegofalantes iniciais.

Figura 8. Evolución da lingua inicial da poboación galega de 5 ou máis anos desde 2003 a 2013, en valores

absolutos. Previsións de evolución a 2016.*

Poboación: Galegos/as de 5 ou máis anos

Fonte: Enquisa de Condición de Vida das Familias, 2003, 2008 e 2013.

8 Estanse a realizar predicións de escenarios futuros das principais variables sociolingüísticas incluíndo

outras bases datos demolingüísticas e introducindo outra variables de evolución como a data de

nacemento. Paralelamente analízase o escenario galego utilizando o modelo de distancia

interlingüística (Mira, Seoane, & Nieto, 2011; Mira, Seoane, & Paredes, 2010), ampliación do modelo

de Abrams & Strogatz (2003).

A letra miúda-nº6 – Revista de sociolingüística da CGENDL

16

Santiago de Compostela- ISSN 2255-0976

3.2.3. A LINGUA HABITUAL

A lingua habitual dos galegos entre os anos 2003 e 2013 evolucionou en

porcentaxes xerais a favor do castelán. Os monolingües en castelán aumentaron

desde o 19,56% en 2003 ao 25,95% en 2013 (Figura 9).

Figura 9. Lingua habitual dos galegos en 2003, 2008 e 2013

Poboación: Galegos/as de 5 ou máis anos

Fonte: Enquisa de Condicións de Vida das Familias, 2003, 2008 e 2013

No resto de alternativas, a comparativa complícase, xa que na enquisa de 2003

semella que os enquisados utilizaron criterios diferentes para realizar as súas

escollas bilingües ou monolingües. Esta primeira serie do IGE obtén unhas cifras de

monolingüísmo significativamente máis avultadas que nas enquisas de 2008 e

A letra miúda-nº6 – Revista de sociolingüística da CGENDL

17

Santiago de Compostela- ISSN 2255-0976

2013, incluso que na enquisa do MSG-19929. Tratando de minimizar esta distorsión

comparouse galego (i.e. só galego, máis galego) fronte a castelán (i.e. só castelán,

máis castelán). Os resultados sobre a evolución do uso da lingua galega indican un

descenso progresivo que oscila desde o 61,2% en 2003 ata un 50,9% en 2013

(Figura 7).

Como mencionabamos, a evolución dos resultados de lingua habitual dos anos

2003, 2008 e 2013 difiren significativamente. En cifras xerais, os monolingües

habituais en galego diminuíron un 29,08%, diminución que recaeu no tramo de

2003-2008, mentres o número de bilingües nesta lingua en cifras totais aumentou

(8,81%), aínda que, analizándoo por tramos, entre 2003-2008 case se duplicaron

(45,75%) fronte ao sucedido entre 2008-2013, que diminuíron un 25,35%. O

número de persoas que falaban habitualmente en castelán aumentou un 31,15%

entre 2003-2013, aumento que se focalizou nos últimos anos (2008-2013). O

balance dos bilingües en castelán foi, en xeral, positivo (16,14%).

9 O MSG-1992 indicaba que o 38,7% dos galegos maiores de 15 anos falaba unicamente en galego

fronte aos datos do IGE de 2003 que indicaban que 43,6% das persoas de 15 anos ou maiores eran

monolingües en galego. En definitiva, estes datos indicaban que o número de galegofalantes

monolingües aumentaran neses 11 anos.

A letra miúda-nº6 – Revista de sociolingüística da CGENDL

18

Santiago de Compostela- ISSN 2255-0976

Táboa 2. Lingua habitual da poboación galega de 5 ou máis anos en valores absolutos.

Anos 2003, 2008 e 2013.

A B C 2003-2008 2008-2013 2003-2013

2003 2008 2013 B-A (B-A)/A % C-B (C-B)/B % C-A (C-A)/A %

En galego

1.112.670 779.297 789.157 -333.373 -29,96% 9.860 1,27% -323.513 -29,08%

Máis galego

471.781 687.618 513.325 215.837 45,75% -

174.293 -25,35% 41.544 8,81%

Máis castelán

484.881 583.880 563.135 98.999 20,42% -20.745 -3,55% 78.254 16,14%

En castelán

506.322 521.606 664.052 15.284 3,02% 142.446 27,31% 157.730 31,15%

Outras 13.005 28.622 29.536 15.617 120,08% 914 3,19% 16.531 127,11%

TOTAL 2.588.659 2.601.023 2.559.205 12.364 0,48% -41.818 -1,61% -29.454 -1,14%

Fonte: Elaboración propia. IGE, Enquisa de Condicións de Vida das Familias 2003, 2008 e 2013.

Para analizar a evolución dos usos lingüísticos habituais en Galicia desde 2003 a

2013 e facer unha proxección a curto prazo, escolléronse as alternativas de ‘galego’

(i.e. só galego e máis galego), ‘castelán’ (i.e. só castelán e máis castelán) e

‘outras’. Desta forma expóñense os resultados dunha forma máis clara e ao mesmo

tempo que se aumenta a fiabilidade dos resultados.

A figura 10 indica que o número de persoas que falan galego diminuíu desde máis

de 1.580.000 en 2003 a arredor de 1.300.000 en 2013, mentres o número de

castelanfalantes aumentaba en máis de 200.000 persoas nesa mesma década.

Simplificando, o galego segue a ser lingua maioritaria en 2013, aínda que cunha

pequena diferenza de 70.000 falantes co castelán. As previsións indican que 2015

será o punto de inflexión para a lingua galega e esta pasará a ser a lingua

minoritaria en Galicia. Este proceso de perda de falantes podería acelerarse aínda

máis pola falta de masa social galegofalante nos tramos máis novos e en contextos

urbanos.

A letra miúda-nº6 – Revista de sociolingüística da CGENDL

19

Santiago de Compostela- ISSN 2255-0976

Figura 10. Lingua habitual da poboación galega de 5 ou máis anos, en valores absolutos. Anos 2003 a

2013. Previsións de evolución a 2015.

Poboación: Galegos/as de 5 ou máis anos

Fonte: Enquisa de Condicións de Vida das Familias, 2003, 2008 e 2013

A letra miúda-nº6 – Revista de sociolingüística da CGENDL

20

Santiago de Compostela- ISSN 2255-0976

3.3. A TRANSMISIÓN LINGÜÍSTICA INTERXERACIONAL (ITIGAL)

Os resultados do ITIGal resumen a situación de cambio interlingüístico entre a

herdanza lingüística recibida dos pais e a herdanza lingüística transmitida polo

individuo. A situación que se desprende dos datos do IGE-2008 e IGE-2013 é un

índice de transmisión lingüística cara ao galego negativo (véx. Figura 11). A

transmisión familiar interxeracional do galego está mediatizada por unha

significativa introdución do castelán. O ITIGal no IGE-2008 indícanos que a

presenza do galego no contexto familiar vai diminuíndo (-0,14), presenza que

segue a diminuír no 2013 (-0,16).

Figura 11. A transmisión lingüística do galego (ITIGal) en 2008 e 2013 (%)

Poboación: Galegos/as con fillos/as.

Fonte: Enquisa de Condicións de Vida das Familias 2008 e 2013

A letra miúda-nº6 – Revista de sociolingüística da CGENDL

21

Santiago de Compostela- ISSN 2255-0976

Os índices de transmisión interxeracional presentados ata agora non permiten

afondar na evolución do ITIGal, soamente permite comparar a situación de 2008

coa de 2013. A Figura 12 analiza a evolución deste índice utilizando o ano de

nacemento como variable evolutiva. Os resultados indican que, en maior ou menor

medida, a ruptura da transmisión interxeracional do galego está presente desde os

nados nos anos trinta e ata os nados na década dos noventa. O ITIGal desde os

anos trinta situouse nunhas cifras próximas ao -0,15 e foi a partir dos anos setenta

cando esa ruptura interxeracional aumentou a cifras arredor do -0,20 ata principios

dos anos oitenta. Desde finais dos anos oitenta ata finais dos noventa, os datos non

son concluíntes por varias causas: a) idade dos enquisados; b) pouca

representatividade da mostra de persoas con fillos desas idades. Non obstante, un

resultado que se pode extraer, tendo en conta os problemas de validez destes

datos, é que os índices son inferiores aos acadados nos nados na década dos

setenta e principios dos oitenta, aínda que haberá que realizar máis análise para

confirmar estes resultados.

A letra miúda-nº6 – Revista de sociolingüística da CGENDL

22

Santiago de Compostela- ISSN 2255-0976

Figura 12. Evolución da transmisión interxeracional do galego (ITIgal) por ano de

nacemento. Diferenzas entre os resultados dos ITIgal dos nados con idade media entre

1935 e 1981 (ITIgal_axustado) e os nados con idade media entre 1986 e 1996

(ITIgal_desaxustado)

Poboación: Galegos/as con fillos/as.

Fonte: Enquisa de Condicións de Vida das Familias 2013

4. CONCLUSIÓNS

A sociolingüística galega avanzou moito no ámbito demolingüístico en Galicia desde

1992 grazas ao pulo que lle proporcionou o Mapa Sociolingüística de Galicia. Na

actualidade, conta cunha serie de enquisas demolingüísticas (i.e. González et al.,

2006; Instituto Galego de Estatística. IGE, 2004, 2008, 2013; Observatorio da

A letra miúda-nº6 – Revista de sociolingüística da CGENDL

23

Santiago de Compostela- ISSN 2255-0976

lingua galega, 2007; Seminario de Sociolingüística da RAG, 1994) que lle permiten

realizar unha radiografía da evolución sociolingüística en Galicia desde 1992 ata

2013, incluso se poden realizar proxeccións ata principios do século XX utilizando a

variable idade e variables sociolingüísticas non dependentes do contexto actual (i.e.

lingua inicial, lingua que se falaba cos pais cando era pequeno) ou predicións de

futuro (i.e. Seoane, Casares, Monteagudo, & Mira, n.d.). De forma complementaria,

os Censos Lingüísticos proporcionan unha información importante para

complementar a radiografía da situación do galego, especialmente cando se quere

realizar un estudo cunha representatividade a nivel concello ou comparalo cos datos

doutras comunidades con lingua propia.

Os niveis de competencia lingüística autopercibida en galego poden valorarse como

bos, tanto nas destrezas comprensivas como expresivas. A porcentaxe de

comprensión oral do galego aproxímase ao 100% e a proporción de enquisados que

indican que poden falar galego están próximas ao 90%. As proporción de persoas

con destrezas escritas suficientes en galego son inferiores ás orais, especialmente

cando se valora a expresión escrita, onde as cifras xerais se aproximan ao 60% da

poboación. A comprensión escrita acércase ás cifras das destrezas orais

(84,78%)10. A evolución das destrezas lingüísticas indica unha estabilidade nas

destrezas orais desde 1992 e un comportamento desigual nas destrezas escritas. A

comprensión escrita aumentou significativamente de 1992 a 2003, sufrindo a partir

dese ano unha certa paralización do dominio efectivo da poboación, quedando en

porcentaxes próximas ao 85% do total. A porcentaxe de persoas cunha capacidade

para expresarse en galego por escrito aumentou axustándose a unha pendente que

se vai suavizando co transcurso do tempo, acercándose na actualidade a

porcentaxes próximas ao 60%.

Enfocando o estudo das competencias lingüísticas por idade, o panorama

10 Galegos/as de 15 ou máis anos. 5 (IGE-2013)

A letra miúda-nº6 – Revista de sociolingüística da CGENDL

24

Santiago de Compostela- ISSN 2255-0976

sociolingüístico é revelador. O dominio da expresión escrita evoluciona na enquisa

do IGE-2013 desde un 16,85% na poboación de maiores de 75 ata un 92,17% nos

rapaces de 15 a 19 anos. De feito, atopámonos cun dato significativo, nos maiores

de 75 hai un 80,64% da poboación que sabe falar en galego pero non sabe escribir,

pola contra, hai un 3,58% da poboación de entre 15 e 19 anos que indica ter un

dominio efectivo para escribir en galego, pero considera que non ten a destreza

suficiente para falalo. Esta circunstancia non é única dese tramo de idade, ese

mesmo perfil repítese entre os que teñen entre 20 e 24 anos e confirmábase con

datos do Censo Lingüístico de 2001.

Este artigo afondou no estado da situación das linguas en Galicia a través dos

Censos Lingüísticos e os datos da serie do IGE-2003, 2008 e 2013. Utilizouse a

pregunta de usos lingüísticos do Censo de Poboación e Vivenda para ter un visión

xeral da situación desde 1991 ata 2011 e as dúas variables sociolingüísticas (i.e.

lingua inicial, lingua habitual) para estudar a evolución neste século. O primeiro

resultado de importancia proveniente do Censo Lingüístico fai referencia á

existencia dun certo período de estabilidade entre 1991 e 2001, aínda que con

algunhas oscilacións no número de falantes dunha ou outra opción. As grandes

diferenzas están centradas entre os anos 2001 e 2011. Neste intervalo temporal, a

lingua galega perdeu un total de 311.294 de falantes monolingües, manténdose un

número importante de persoas que nunca falaron esta lingua (287.837).

O IGE-2013 indica que a lingua inicial maioritaria dos galegos segue a ser o galego

(40,86%), seguida polo castelán (30,88%) e as dúas (25,26%). Por si mesmos,

estes resultados seguen a ser favorables cara á lingua galega, o problema xorde

cando se analiza a súa evolución desde 2003 a 2013. No transcurso destes dez

anos, o número de persoas que sinalan o ‘galego’ coma a súa lingua inicial diminuíu

un 21,79%, en contrapartida ao número de persoas que sinalaban ‘as dúas’ que

aumentou un 54,41%.

Os resultados de lingua habitual do IGE-2013 confirma os datos de usos do Censo

A letra miúda-nº6 – Revista de sociolingüística da CGENDL

25

Santiago de Compostela- ISSN 2255-0976

Lingüístico. A lingua utilizada maioritariamente polos galegos de 5 ou máis anos en

2013 era o galego, a porcentaxe total de galegofalantes (i.e. só galego, máis

galego) era dun 50,9%, a diferencia era de arredor de 70.000 falantes. Seguindo a

mesma tendencia que a lingua inicial, nestes dez anos (2003-2013) o número de

monolingües en galego diminuíu un 29,08%, mentres aumentaba un 31,15% o

número de monolingües en castelán. Destacamos como dato positivo que o

número de bilingües en galego aumentou un 45,75% nos primeiros anos (2003-

2008). Unha das conclusións máis importantes que se poden extraer dos

resultados analizados é que a lingua galega deixará de ser a lingua maioritaria de

Galicia en 2015 (ano en curso), se seguen as tendencias observadas.

Despois das conclusións anteriores, resulta evidente que en Galicia existe unha

ruptura da transmisión lingüística interxeracional. O problema que se suscitaba

cando decidimos introducir a análise deste construto era: de que calibre? Os

resultados indicaron que a ruptura interxeracional oscilaba entre un 14% no IGE-

2008 e un 16% no IGE-2013, ruptura centrada nos monolingües en galego e nas

persoas que naceron na década dos 70.

En definitiva, as principais conclusións que se poden tirar deste artigo son que

mentres os resultados das competencias autopercibidas lectoescritoras en galego

son positivas, os datos sobre a lingua habitual e inicial empeoraron. As previsións

para a lingua habitual indican que o castelán será a lingua maioritaria dos galegos

en 2015 e que arredor do ano 2020, os galegos deixarán de aprender

maioritariamente en galego para aprender maioritariamente en galego e castelán11.

Respecto da transmisión interxeracional, sinalamos que a maior ruptura produciuse

nos nacidos na década dos anos setenta, circunstancia que estamos sufrindo nestes

11 Hai que indicar que estas son previsións e, como tales, pódense modificar se o contexto se

modifica.

A letra miúda-nº6 – Revista de sociolingüística da CGENDL

26

Santiago de Compostela- ISSN 2255-0976

momentos xa que esa xeración está inmersa en pleno proceso de transmisión

lingüística da seguinte xeración.

A letra miúda-nº6 – Revista de sociolingüística da CGENDL

27

Santiago de Compostela- ISSN 2255-0976

Referencias bibliográficas

Abrams, D., & Strogatz, S. (2003). Linguistics: Modelling the dynamics of language

death. Nature, 424, 900. Retrieved from

http://www.nature.com/nature/journal/v424/n6951/abs/424900a.html

Ayestarán, M., & De la Cueva, A. (1974). Las familias de la provincia de Pontevedra

en 1974. Sevilla, Instituto de Ciencias de la Familia. Sevilla: Instituto de

Ciencias de la Familia. Retrieved from

http://scholar.google.es/scholar?q=Las+familias+de+la+provincia+de+pontev

edraa&btnG=&hl=en&as_sdt=0,5#2

Fabà, A., & Montoya, B. (2012). La transmissió lingüística intergeneracional del

català al País Valencià. Una perspectiva territorial. Caplletra. Revista

Internacional de Filologia, 53(0214-8188), 211–231. Retrieved from

http://www.raco.cat/index.php/Caplletra/article/view/267984

González, M., Rodríguez, M., Fernández, A., Loredo, X., & Suárez, I. (2006). Mapa

Sociolingüístico de Galicia 2004. Lingua inicial. Santiago de Compostela: Real

Academia Galega. Retrieved from

http://www.realacademiagalega.org/documents/10157/e33883ec-666e-4944-

a634-4acc80ac4ad6

González, M., Rodríguez, M., Fernández, A., Loredo, X., & Suárez, I. (2008). Mapa

Sociolingüístico de Galicia 2004: Usos lingüísticos en Galicia. A Coruña: Real

Academia Galega. Retrieved from

http://www.realacademiagalega.org/documents/10157/9940f4f1-a5fb-40f6-

b931-0dd909515150

A letra miúda-nº6 – Revista de sociolingüística da CGENDL

28

Santiago de Compostela- ISSN 2255-0976

González, M., Rodríguez, M., Pereiro, A., Loredo, X., Suárez, I., & Salgueiro, E.

(2011). Mapa Sociolingüístico de Galicia 2004: Actitudes lingüísticas en Galicia

(Vol. III). A Coruña: Real Academia Galega. Retrieved from

http://www.realacademiagalega.org/documents/10157/fa7b8451-080f-4d0e-

89f8-1d2dda863feb

Instituto Galego de Estatística. IGE. (2004). Enquisa de Condicións de Vida das

Familias. Coñecemento e Uso do Galego. Ano 2003. Santiago de Compostela:

Xunta de Galicia. Consellaría de Economía e Facenda.

Instituto Galego de Estatística. IGE. (2008). Enquisa de Condicións de Vida das

Familias. Coñecemento e uso do Galego. IGE. Retrieved from

https://www.ige.eu/web/mostrar_actividade_estatistica.jsp?idioma=gl&codigo

=0206004

Instituto Galego de Estatística. IGE. (2013). Enquisa de Condicións de Vida das

Familias. Coñecemento e Uso do Galego. Ano 2013. Santiago de Compostela:

Instituto Galego de Estatística (IGE).

Mira, J., Seoane, L. F., & Nieto, J. J. (2011). The importance of interlinguistic

similarity and stable bilingualism when two languages compete. New Journal of

Physics, 13(3), 033007. doi:10.1088/1367-2630/13/3/033007

Mira, J., Seoane, L. F., & Paredes, A. (2010). Can two languages coexist within the

same community of speakers ? Contributions to Science, 6(1), 21–26.

doi:10.2436/20.7010.01.79

Miralles, A. M. i, & Abat, B. M. (2011). La transmissió lingüística del català: estat de

la qüestió i avaluació analítica. Treballs de Sociolingüística …, 21(: 0211-0784),

95–103. Retrieved from

http://130.206.88.107/revistes224/index.php/TSC/article/viewArticle/53852

A letra miúda-nº6 – Revista de sociolingüística da CGENDL

29

Santiago de Compostela- ISSN 2255-0976

Monteagudo, H., Carballo, P., & Casares, H. (2011). O idioma galego na sociedade:

a evolución sociolingüística 1992-2008. Santiago de Compostela: Consello da

Cultura Galega.

Monteagudo, H., Lorenzo, A., Casares, H., Loredo, X., & Suárez, I. (2005). A

sociedade galega e o idioma. A evolución sociolingüística de Galicia (1992 -

2003). Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega.

Observatorio da lingua galega. (2007). Situación da lingua galega na sociedade

Observación no ámbito da cidadanía. Santiago de Compostela: Xunta de

Galicia. Presidencia. Secretaria Xeral de Política Lingüística. Retrieved from

http://www.observatoriodalinguagalega.org/?q=node/25&Bl=1

Rojo, G. (1979). Aproximacion actitudes linguisticas profesorado EGB en Galicia.

Santiago de Compostela: Instituto de Ciencias de la Educación, Universidade de

Santiago de Compostela.

Seminario de Sociolingüística da RAG. (1994). Lingua inicial e competencia

lingüística en Galicia: compendio do volume I do mapa sociolingüístico de

Galicia. A Coruña: Real Academia Galega.

Seminario de Sociolingüística da RAG. (1995). Usos lingüísticos en Galicia:

compendio do II volume do mapa sociolingüístico de Galicia. A Coruña: Real

Academia Galega.

Seminario de Sociolingüística da RAG. (1996). Actitudes lingüísticas: compendio do

volume III do mapa sociolingüístico de Galicia. A Coruña: Real Academia

Galega.

Seoane, L. F., Casares, H., Monteagudo, H., & Mira, J. (n.d.). A evolución do

bilingüismo en Galicia : proxeccións a longo prazo por áreas xeográficas.

A letra miúda-nº6 – Revista de sociolingüística da CGENDL

30

Santiago de Compostela- ISSN 2255-0976

Siguán, M. (1994). Opiniones y Actitudes. Conocimiento y Uso de las lenguas en

España. Madrid: Centro de Investigacións Sociológicas.

Siguán, M. (1999). Opiniones y Actitudes no 22 Conocimiento y Uso de las Lenguas.

Madrid: Centro de Investigacións Sociológicas.

Solé, J. (2008). Enquesta d ’ usos lingüístics de la població 2008 : anàlisi. Volum I .

Les llengües a Catalunya : coneixements , usos ,transmissió i acctituds

lingüistics. Barcelona: Generalitat de Catalunya. Departament de Cultura.

Direcció Generel de Política Lingüística.

Torres-Pla, J. (2006). Enquesta sobre els usos lingüístics a Andorra 2004. Llengua i

societat a Andorra en els inicis del segle XXI. Barcelona: eneralitat de

Catalunya, Secretaria de Política Lingüística.

Torres-Pla, J. (2009). La transmissió lingüística familiar intergeneracional: una

proposta de model d’anàlisi. In I. Vila & F. X. Moreno (Eds.), Estudis de

demolingüística: Actes de la Primera Jornada de Demolingüística de la Xarxa

CRUSCAT (pp. 23–37). Barcelona: Institut d’Estudis Catalans. Retrieved from

http://publicacions.iec.cat/repository/pdf/00000062%5C00000078.pdf

Nota do autor:

A correspondencia relacionada con este artigo pode ser enviada á Biblioteca de

Galicia, soto -1. Monte Gaias. 15707. Santiago de Compostela. Contacto:

[email protected]